|
Mándanos o teu comentario
|
28 de marzo 2009 : na nosa familia estamos afeitos a saír na TVG, agora tocoulle ao sobriño Paulo Agora toucoulle aos electricistas, un é familiar dos Parentes, tamén os albaneis andan a cerrar a fosa. Agora queda pouco para inaugurar a obra |
| 23 de marzo: Tamén Os Parentes chegaron á Coruña para facer saber aos políticos pola crise que está a atravesar o sector debido á baixa do prezo do leite, a crise vai forzar ao peche de moitas explotacións, e xa quedan poucas. |
| 22 de marzo: Non é fácil xuntar a 4 irmáns cado o máis neno ten 80 anos |
| 19 de marzo: Hoxe é o día de San Xosé A Carmen de Baixo (Trasar), a Segunda do Pelcho (Vilaguillulfe), a Veneranda do Gil (Lobelle) -empadescansen as tres- non celebraban nas súas casas os cumpreanos, celebraban os santos. Pois seguindo esa tradición temos que felicitar hoxe nos Parentes o Pepe, o Xosé Manuel e a María José. E tamén o noso tío José en Torrejón. E os curmáns José Javier Glez. e José Manuel García. (vamos, o mesmo que o ano pasado) |
| 17 de marzo: vaia vídeo máis vacún, ímosllo pór ás nosas |
| 13 de marzo: agora tócalle á fontanería |
| 10: marzo. Abrimos unha páxina de vídeos |
3 de marzo: Mentres preparamos o piso da obra nova, as xemelgas descansan tranquilas, dá gusto velas Cando o Xan vai traballar á ribeira sempre trae refráns: home luneiro non é bon cosecheiro
home luneiro nin boa meda nin bon palleiro
o caiño é o pai do viño |
| 28 de febreiro: dun día para outro cambian as cousas, xa non parece a mesma |
| 27 de febreiro: este furado é para montar unha balsa de recollida de xurro da nova nave. |
| 26 de febreiro: aínda hai xente que pensa que os cambios de lúa non inflúen nada aquí na terra. Acaba de cambiar a lúa e hoxe unha vaca matou un rapaz aí en Paradela... e alá polo Ulla unha muller quedou ferida porque a atropelou un carro de vacas -onde se viu tal!- ... e varios endevidos comentaron que a noite pasada durmiran mal sen saber por que... vaites coa lúa... que converte a estes animais que parecen tan pacíficos en asasinos |
| 24 de febreiro: martes de entroido, antes viñan os mecos polas casas e había quen falaba do santo entroido |
| 20 de febreiro: estes días de sol as vacas que andan fóra disfutan como na primavera |
| 16 de febreiro 2009 : algo cambia, pouco a pouco, estes días de sol axudan |
| 13 de febreiro: A autovía empeza a deixar calvas as leiras. Foto antes, foto hoxe, mágoa, non deu chegado o S Valentín |
| 10 de febreiro: moitas veces andamos mirando a onde ir para ver cousas bonitas de moito mérito e non coñecemos as que temos por eiquí á mao. Nesta guía recén saída está todo o desta zona: Castro, A Barrela, Os Peares, Chantada, todas as igrexas dos arredores, os carballos vellos... a Maruxa Villanueva, o Buciños... Canto hai que ver!!! |
| 9 de febreiro: Na casa do Cortés de Lobelle está este trasfugueiro (trasfogueiro, morillo); é unha peza de ferro fundido no que se apioa a madeira para facilitarlle o tiro e que así arda mellor. Ademais normalmente ten unha serie de accesorios acoplados que facilitan o mañexo do lume e outras labores. Hai alguén por aí na rede que nos poida explicar este trasfugueiro? |
| 6 de febreiro: Que non dure máis a mala veciña que dura a neve na febreiriña... a ver se é certo |
| 1 de febreiro: onte foi un día moi feliz para os Parentes. Fomos ao Incio aos actos en honor do noso tío: misa, descubrir o busto no Hospital, comida multitudinaria no Incio... |
31 de xaneiro: velaquí o lugar de Trasar de Carballo, onde foi nado o noso tío Cura do Incio. Hoxe iremos toda a familia ao Incio aos actos de homenaxe: misa, descubrir o seu busto no Hospital e xantar de confraternidade na Cruz. Moito o botamos de menos... Xa saben que na súa web hai moitas fotos |
| 27 de xaneiro: velaquí o lugar de Trasar de Carballo, non hai outro lugar no mundo que se chame igual, hai un Trasar de Sabugueiro, pero un sabugueiro non ten a categoría dun carballo |
| 22 de xaneiro: hoxe El Progreso portouse co noso tío en paz estea, o Cura do Incio. Case unha páxina enteira (a 16). Se non ten o diario pode ver o artigo aquí |
20 de xaneiro: Pilar Gómez Abad mándanos outro artigo interesante de como salvar a vaca Paca .Hoxe miren que paisaxe máis bonita |
| 19 de xaneiro: Os técnicos de TECNOR empezaron a pór as camas, nós si que pensamos no benestar animal. |
| 18 de xaneiro: Os nosos dez mandamentos. 1.- Os animais non sufrirán fame nin sede prolongada; é dicir, deberán ter unha alimentación e subministro de auga axeitada e suficiente. 2..-Durante o descanso deberán estar cómodos. 3.- A temperatura debe ser adecuada, nin frío nin calor. 4.- Disporán de suficiente espazo para movérense en liberdade. 5.- Non deberán presentar lesión físicas. 6.- Os gandeiros manterán unhas condicións hixiénicas e de coidados óptimas para evitar doenzas. O seu manexo ten que ser correcto en calquera ocasión. 7.- Evitarase a dor por manexo, xestión, sacrificio e intervención cirúrxica inadecuada. 8.- Poderán manifestar comportamentos sociais normais específicos da súa especie, como o aseo persoal. 9.- As persoas a cargo dos animais favorecerán as boas relacións entre o home e o animal. 10.- Deberán evitarse as emocións negativas como o medo, a anguria, fustración ou apatía. Segundo un proxecto da Unión Europea que identificou os criterios de avaliación do benestar animal para o gando bovino, porcino e aviar. Nós xa antes de coñecelos procurabamos todo isto e moito máis porque canto mellor tratemos os nosos animais máis leite producirán e mellor nos sentiremos nós. E como temos a conciencia tranquila e vai frío imos mirar se lle metemos algo quente ao estómago: |
| 16 de xaneiro: Pilar Gómez lémbrase de nós e recoméndanos este artigo de El País (tractores) |
12 de xaneiro: Mándanos Anxo desde Pontevedra esta ligazón á páxina que fixo para honrar a memoria do noso tío Anxo, Cura do Incio: anxo.info. Tanto nos devanceiros do Cura do Incio coma nos dos Parentes (que veñen sendo os mesmos) vemos que houbo un arrieiro que se chamaba José González Simón, igual que o seu tataraneto e noso Secreterio José González Simón. Curiosidades. O outro día falabamos dos males de fumar. Por iso nos manda a Vitoria desde Pontevedra esta foto feita en Portugal (como coidan alí dos homes??) |
| Mándanos Anxo desde Pontevedra esta ligazón á páxina que fixo para honrar a memoria do noso tío Anxo, Cura do Incio: anxo.info |
| 10 de xaneiro: segue o frío hoxe, por iso o Rogelio fixo un bo lume de amieiro e dixo: o amieiro arde no bulleiro (porque arde aínda que sexa mollado) |
| 9 de xaneiro: está a nevar nos Parentes como en case todo o país |
| 7 de xaneiro: temos a terra preparada para botar os allos na minguante de xaneiro. Con este frío case se agradece un pouco de exercicio aínda que sexa cavando na terra |
5 de xaneiro: Esta noite seica veñen os Reis. A ver se nos traen pronto o remate das obras e lles podemos poñer o loureiro. O día 2 xa lle trouxeron algo a Pilar Guerra que foi elixida por votación dos de Pórtico para empezar o ano no programa resumo de Ben Falado, todo un honor para ela, miren que pasou ben xente e ben importante por ese programa no 2008. Por se non o viron |
3 de xaneiro: La Voz de Galicia: El fallecido párroco Anxo González será recordado con un monumento de O IncioLa asociación Terras do Incio celebrará el próximo día 31 un homenaje al sacerdote Anxo González González, fallecido en abril del 2006, quien durante varias décadas se ocupó de las parroquias de Santa Cruz, Hospital, San Pedro y Trascastro. Los organizadores preparan varios actos, uno de los cuales consistirá en la inauguración de un busto dedicado a recordar al desaparecido párroco, del que señalan que «destacou pola súa bondade e entrega aos demais» mientras residió en el municipio. El monumento será instalado en el entorno de la iglesia románica de San Pedro Fiz de Hospital. La inauguración se llevará a cabo hacia la una de la tarde, después de una misa que se oficiará en la referida iglesia. Posteriormente se celebrará una comida de homenaje en el pabellón deportivo del colegio público Ricardo Gasset. Las entradas podrán retirarse hasta el día 27 en todos los bares y cafeterías del municipio al precio de veinte euros y serán gratuitas para los niños de hasta 10 años de edad. Al homenaje asistirán el obispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, y el presidente de la Diputación, José Ramón Gómez Besteiro. Anxo González González residió en el municipio de O Incio durante cerca de cuarenta años. Falleció a los 71 años de edad tras una larga enfermedad en la localidad de Trasar de Carballo, en el municipio de Carballedo, de donde era natural.
|
| 2 de xaneiro: a que non saben (os que non son de por aquí) para que serve este aparello que temos no Arransallo? Pois veñan por alí ou escríbannos ao noso @ se teñen dúbidas. |
| 1 de xaneiro 2009 : empeza o ano e como sempre se di que o mellor é ter saúde non se deixen guiar pola fumeta, nin rubio nin negro... |
31 de nadal : Seica por fin de ano se pide un desexo, non sería mala idea pedir que ningunha arma sexa máis mortífera que esta escopeta feita de cana de millo. Bo aninovo para todos de parte dos Parentes! |
|
29 de nadal : onte foi o día das peghotas,
para os que non son de por aquí, inocentadas.
E hoxe seguimos coas obras que van
para diante día a día: |
|
28 de nadal : hoxe di o señor Touriño no diario que a adxudicación
dos megavatios non é definitiva, debe ser porque Os Parentes tiñan
solicitados uns cantos megavatios e os informes érannos favorables e mesmo
nos mandaron un papel onde consta que imos ser premiados con polo menos 33
megavatios. Como parece ser certo isto convidamos aos visitantes da páxina a
que se acheguen polos Salgueiriños (e previo permiso do Tío Manuel) leven un
mollo destas nabizas que tan boa pinta teñen: |
|
26 de nadal : como é tempo de
vacacións as nosas vacas teñen visitas e, como pasa sempre, as máis
solicitadas son as becerriñas
|
|
25 de nadal : Que si, que vai moito frío por aquí, pero temos bo
viño, caldo galego da casa de nabizas, calefacción nas casas… así que
non hai problema. As vacas tamén están ben coidadas, non hai por que se
preocupar |
|
23 de nadal : Os parentes queremos desexar a todos os vistantes
desta páxina que pasen o mellor posible estas festas, que metan os problemas
e disgustos un momentiño debaixo da mesa estes días. Nós teremos que seguir
atendendo a facenda como calquera outro día, que as vacas
non entenden de festas. |
|
18 de decembro: ten moita razón o noso amigo Anxo alcalde de Chantada
en que a xente ten
dereito a saber o que come (Xornal, 18-12-08). Por iso Os
Parentes coidamos tanto a alimentación do noso gando, para que a xente que
beba o leite (e derivados) que producen as nosas vacas estea tranquila... |
|
13 de decembro: día de santa Lucía, festa de pote en Trasar. A que
non saben que son carrafellos? Di Pilar Guerra que son esas
mazás pequeniñas coma castañas que quedan na árbore ao final da colleita.
Tamén di Lina Simón que o dente de angrón en infusión é o mellor remedio
para comer o sangue nun derrame (haino ao lado dos regatos): |
|
11 de decembro: con choiva e néboa pero con ganas de rematar a obra.
Luís. Xan, Rogelio e Pepito non paran de traballar |
|
8 de decembro: hoxe saíu o Peguerto de Quintela na TVG |
|
7 de decembro: Si que está ocorrente o Carrabouxo
na Retranca |
|
3 de decembro: vimos
o outro día o que chaman xogo da PORCA, nós non o
coñeciamos, pero a nosa Nai-Pilar ten falado del. (Máis información) |
|
30 de novembro: as que andan
fora disfrutan da neve, as de dentro tamén a ven |
|
30 de novembro: vaia artigo máis interesante trae hoxe El País,
titula nada menos que: a tumba de Hitler está en Chantada... Os Parentes estamos
encantados de que a xente da nosa zona faga cousas tan bonitas... todos temos
que apoiar esta zona sur da provincia... Tamén saíu o outro día no Ben falado
a páxina dos nosos parentes de Pontevedra |
|
27 de novembro: xuntanza
de traballo, SAT Sabadelle, Os Parentes e Rosana que é quen
convoca todos os anos a unha charla onde comparamos datos e cambiamos
impresións sobre a marcha e funcionamento das nosas explotacións. Despois de
dúas horas de estudar datos, sentámonos a mesa |
|
26 de novembro: Andamos
a vacinar por mor da Lingua Azul |
|
25 de novembro: Estamos a facer revisión de maquinaria, somos os primeiros
no turno de tarde |
|
20 de novembro: ese gran programa que dirixe Xesús Ferro xa está
operativo na internet. Quen non nos viu no seu momento porque foi emitido a
unha hora algo cedo... xa o pode facer na rede: |
|
17 de novembro: este edificio situado no mesmiño centro de Aveiro-Portugal chamouse
até hai ben pouco CASA PEGUERTO. Nesta " loja
" comezou un veciño noso a súa actividade comercial. Del só
sabemos que era galego (de onde ía ser logo chamándose así
), que se instalou na cidade portuguesa no comezo do século
pasado e que hoxe ten descendentes comerciantes - hai varias tendas
de moda da marca PEGUERTO GARCIA Lda- e tamén
farmacéuticos e avogados... Se temos en conta que, fóra dun radio duns 30
quilómetros arredor de Buciños, case non hai PEGUERTOS, el
de onde sería?...... Continuaremos a indagar. (foto e información facilitadas polo Curmán Maior Benigno
González) |
|
16 de novembro: andamos de ensila, case un mes máis tarde do habitual, pero mereceu a
pana esperar, agora o millo vai en sazón. Tamén atopamos algunha seta nas
leiras, pero son das que non se poden comer |
|
13 de novembro 2008: hoxe imos falar das cruces coma esta que hai en Lobelle
desde sabe deus cando, os vellos sempre a recordan e hai uns 10 anos
restaurouna o Toñito do Gil.
A cruz máis importante é a da parroquia. A cruz non sae
dos límites da parroquia, cando ten que pasar un defunto pola parroquia a
cruz vai esperalo ao límite e despídeo onde empeza outra parroquia volvendo á
súa igrexa. |
|
12 de novembro: o noso veciño Rubén dende Brasil
pregunta polas Obras. As
obras van lentas, agora andamos a teitar (lousar dixo un dos
operarios). O Ruben está polo Brasil ampliando coñecementos de Veterinaria en
algo relacionado cos embrións, e dende alí ve a nosa páxina todos os días,
... para el, un saúdo de todos nós.. (Ruben é
fillo da Eva de Lobelle, neto do Feliciano, o pai chámase Moncho, e ...) |
|
11 de novembro: con este mal tempo dos días pasados nin avanzou a obra
nin puidemos ensilar... seica vai mellorar... a ver... |
|
9 de novembro: hoxe en Cartelos celebrouse o funeral por Emilio
Álvarez González da Casa do Grande de Trasar. O Milucho foi o noso vate local.
Era verdadeiramente un poeta do pobo, un home que amaba de verdade a poesía.
Sempe o lembraremos no prado dos Currás gardando as vacas e escribindo nunha
libretiña pequena as súas poesías. Os da nosa xeración xa lle chamabamos o
poeta e sabiamos de memoria algún verso seu: "pequeño riachuelo de
aguas cristalinas, a donde vas.." nos recitou
un día cando iamos para unha festa. No 1974 publicou Caminos al atardecer,
o seu primeiro libro. Emilio tivo xa desde neno problemas de saúde, no
Seminario xa pensamos que se ía... pero recuperou e chegou aos 54. Como o
Emilio non se movía nos círculos dos poetas coñecidos, seguro que non sae
moito nos xornais sobre el... mais para Os Parentes foi sempre un grande
poeta, un verdadeiro exemplo de poeta popular... e así seguirá na nosa
memoria... Do libro "Albas de primavera". O primeiro dos 47 poemas, en galego, que o
compoñen. Amar rir loitar chorar ouh!, qué profundo
sentimento o de poder chorar
longamente sobre un amor ou unha aución, reprimida no máis fondo da alma |
|
7 de novembro: malas noticias nos chegan de Ponferrada. A señora Dorinda xa
non está cos seus, agora estalle facendo compañía á súa querida Virxe da Encina.
O seu sorriso, a súa amabilidade, os seus continuos diminutivos e a súa
excelente arte na cociña quedarán sempre na lembranza de todos os que tivemos
a sorte de tratala. Baudilio, Mila e Bernardino, ...
moitos ánimos e cariños... !!! |
|
6 de novembro: Sen lles sacar o mérito, as vacas do outro día parecen
ladrairos... se fosen nosas estarían ben mantidas, que nós nos dedicamos a
mantir. Agora iamos ver se faciamos a segunda parte da ensila do millo. Pero
non puido ser o de ensilar por que chove. Aproveitamos para probar un apeiro
que fabrica INDUSAGRI, fábrica de maquinaria agrícola en Lugo, da cal forma
parte o sobriño da Marta Juan Carlos www.indusagri.es |
|
4 de novembro: A nosa avoa Mamacarmen falaba de que un tío dela fora a
San Andrés de Lonxe. Igual era a san Andrés de Teixido onde vai de morto
quen non foi de vivo. Aquí
temos unhas vacas alí en Teixido o venres, chovía e só 3º de
temperatura... e as vacas tan tranquilas... a ver se eran en realidade almas
que ían cumprir a manda que non fixeran en vida... |
|
2 de novembro: chegou o frío e o mes de samartiño... a todo porco lle
chega o seu samartiño... Desde Espasante-Ortigueira chéganos este porquiño
de san Antonio... bonita estatua |
|
28 de outubro: agora que vén aí o día dos defuntos, de lembrarse das
ánimas... non deixe de facer turismo e pode visitar en Trasar de Carballo o
restaurado peto
das ánimas, interesante monumento que non vén nas guías
turísticas. Probe a meter unha moeda e verá como ninguén lle contesta nin dá
as grazas, entón entederá a frase: estar calado coma un peto |
|
25 de outubro: Fancisco Sineiro en El Progreso Que catro cousas ben ditas, como emociona ler recoñecementos!
que lástima non telo connosco aínda! Foi o noso tío e como un pai para todos.
Seica na Casa de Baixo unha tía da Mamacarmen era chamada por todos os
sobriños mi tía. Pois esta vai por ti, mi tío, nunca te esqueceremos! |
|
22 de outubro: O noso amigo Fernando ten paxina
web, e acordouse de pór Os Parentes como ligazón. Temos que ver
a súa paxina e mandarlle un agarimoso saúdo, el ademais do seu labor como
comercial, persoalmente é unha das habituais visitas da nosa paxina.
Inda que estamos próximos (a tiro de pedra), menos de 2 quilometros, tamén
utilizamos de vez en cando o correo etectrónico para pórnos en
contacto. Todo un profesional, e tamén un amigo |
|
21 de outubro: onte ás 9 da noite rematamos de cerrar o silo, esta
mañá empezou a chover, sorte a nosa. Ensilamos algo mais da metade, en xeral
colleita un pouco escasa, pero despois de todo inda non foi tan catastrófico
o efecto da rosca, gracias á pericia dos maquinistas da colleitadora
conseguimos minimizalos un pouco.Agora esperar uns días para facer a ensila
que resta e despois analizar e facer contas e cálculos do recollido e do
xeito de repartilo para todo un ano. |
|
19 de outubro: andamos a ensilar no millo, desta volta farémolo
en dúas partes, así o recomendan os técnicos. Hoxe dámoslle ás leiras que
están máis cumpridas, o millo máis curado, e logo dentro duns días o que
resta. O tempo axuda e nós ilusionados coa nova colleita, e sabendo que
despois do prezo do leite, a recolleita de millo é un factor que inflúe na
rendabilidade da explotación pois de ser precaria a colleita en cantidade ou
calidade teriamos que suplementala con penso, que ultimamente está a prezos
prohibitivos como o carburante. Algunha adormidera tamén atopamos, seica se utilizaba para durmir ben, poñiase unha bolsa con adormideras secas debaixo da almofada Nos arredores das fincas de millo tamén encontramos o estramonio, coñecida como herba do demo |
|
18 de outubro: nos toxos do Arransallo, chama a atención o que traballan as arañas,
e logo marcha o orballo e non
se ve o seu traballo |
|
17 de outubro: entraron as primeiras castañas, pero o viño novo inda
ferve. Sempre casaron ben as castañas
e o viño novo |
|
15 de outubro: alá en Pazos, á beira da antiga lagoa de Antela na
Limia, Francisco Vences ideou este
toro para descanso gatuno. Mándannos esta foto dedicada á Marta:
grande amante de todos os animais e tamén recolledora de gatos... |
|
13 de outubro: o viño xa está na xesta (deixou de saber a doce e
sabe como a xesta), o de Lobelle algo máis adiantado que o de Trasar |
|
12 de outubro: interesante
foto que nos envía o parente Sindo, non
necesita comentario (tirouna na provincia de Ourense) |
|
11 de outubro: Cabalos Cando eramos rapaces o Paco do Penete, o Xan
de Baixo, o Manolo do Tío Bernardo, o Antonio do Gil (os nosos pais) tiñan
besta, para ir ás ribeiras, para ir ás feiras, para ir ao muíño... Non
sabemos se lle virá de aí ao noso irmán/curmán Sindo González o seu amor
polos cabalos. O caso é que desde que se fixo veterinario sempre se dedicou
aos equinos. Botou ben anos ao cargo da Cuadra Pereira, que tan bos cabalos
tiña e tantos éxitos conseguiu nos hipódromos. Hai uns anos que o convenceron
para se facer cargo das instalacións que a Deputación de Ourense ten na
antiga lagoa de Antela. Nós sabemos que a el lle vai máis o coidado dos
cabalos que o papeleo... pero son cousas do cargo. No que si acertamos é en
que é unha das persoas de España máis entendidas en cabalos de raza e nas
súas doenzas ... a nós case nos gustaría máis que o fose en vacas... pero así
tamén temos un parente famoso.. E cambiando de conto... o Zapatero e o Bush
veña a inxectar cartos nos bancos e o pobre do Carrabouxo:
|
|
8 de outubro: despachar Di o Xan que na ribeira
cando os ribeiraos ían sulfatar facían eles as boquillas de madeira para a
máquina e dependendo se botaba a xeito ou non dicían: despacha
ou non despacha... por certo, o viño que está a ferver vai
andar polos 10º... e tiña un case nada de acidez debido á
garnacha... |
|
6 de outubro: para que se saiba a que empresa pertencen as maquinarias |
|
3 de outubro: o bullo segue a ferver nas adegas do Xan de Baixo e do
Xosé. Aquí temos o Antonio
de Carcacía e o curmán maior o día da vendima xunto á moreira da
que falamos a semana pasada |
|
2 de outubro: as obras
avanzan lentamente: |
|
30 de setembro: non e fácil facer as fotos no medio do millo, pero ben,
nunha
vese a espiga no chan, de xeito que non a recolle a colleitadora e pérdese; e
na outra
apréciase como a planta inda que non seca cae e parte das raíces están
cortadas pola famosa rosca |
|
29 de setembro: san miguel das uvas tarde vés e pouco duras... O sábado fomos de vendima
a Oleiros, vendimamos toda a mañá, xantamos e saímos todos cara Castro...
polo camiño tivemos a visita da Garda Civil que mandou soprar a todos os
condutores... e como somos xente responsable ningún chegou aos 0´25. Agora
este informático xa levou o mosto a analizar e o viño ferve nos cubas de
Trasar e Lobelle. |
|
25 de setembro: andan a montar o testeiro da nova nave |
|
23 de setembro: isto dos idiomas na internet.... Piquen no buscador
máis usado en Xapón... escriban no recadro os
parentes... déanlle ao azul á dereita... e
verán como nos coñecen en Xapón.... |
|
22 de setembro: este corzo
seica andaba nun eido noso. É cortesía do noso parente Xosé Manuel García. E
os cornos do bicho farán un bo caldo???? |
|
18
de setembro: á noite Resulta que hoxe andan os Parentes derreados
(ben, este informático menos porque andou no tractor) porque tocou recolleita
das patacas, e claro como hai que collelas do chan non hai
máis remedio que agacharse... non é como o ubre das vacas que xa o puxemos ao
ser do corpo para munguilas ... esta das patacas é unha das
colleitas que facemos en común as catro familias... e xa na mesma tarde
botamos os nabos no mesmo sitio... que logo ben que saben as
nabizas que aquí nestas terras montañesas de Carballedo danse moi ben... Este
ano colleita normal, nin moitas nen poucas, e coma sempre non eran todas coma
as máis grandes, pero seguro que chegan, e se non chegan para cocer cómense
fritas.Sempre se busca arreglo, o importante é que se conserven. O peor é aquelo do que lles falabamos o 29 de
agosto, A ROSCA que ataca o millo, estamos a comprobar que
xa afecta a algúns dos nosos eidos... hai quen di que o único remedio é botar
millo transxénico... pero nós non estamos por esas.. |
|
16 de setembro: foi o Xan á ribeira de Oleiros e prendeu moito do que
lle contou o noso amigo Antonio de Carcacía: resulta que as liobas (doelas curvas das
cubas, as das cabezas son os tempos) de moreira son excelentes
para evitar que o viño se apique. O pai do Antonio era carpinteiro e facía
cubas e cando lles metía algunha lioba de moreira tiña que cobralas máis
caras. Seica había alí unha moreira moi vella e grande que lle cortaron dous
pólos para facer táboas para liobas. Por iso o Antonio recomenda meter a
cocer na cuba unha taborela de moreira. Un xeito natural de evitar tanta
química como leva o viño! |
|
12 de setembro: Hoxe en La Voz de Galicia de Ourense o noso
curmán/irmán Gumersindo fala da crise e dos cabalos |
|
9
de setembro: hoxe é o día de San
Pegerto e imos falarlles de Chatada: O demo andaba de viaxe por Galicia e levaba
con el a súa nai. A señora cansou e pediulle ó fillo que a levara ás costas. Pero
ela estaba moi gorda e pesáballe moito. Cando chegaron a onde está agora
Chantada, o demo tirou a nai ó chan e dixolle: |
|
8 de setembro: hoxe é o día da Nosa Señora do Faro, a romaría máis
grande da nosa comarca. Como é festivo en Chantada e aproveitando a fin de
semana o Xan foi coa familia dar unha volta e aproveitou para se fotografar
coa filla Helena en compañía do loro Ravachol e Valle-Inclán
|
|
6 de setembro: velaquí os
novos que veñen con forza |
|
1 de setembro: segue o programa do noso amigo D. Xesús Ferro, Ben
falado na TVG, levando á pantalla xente da nosa familia, hoxe tocoulle a
Pilar Guerra |
|
31 de agosto: xa apareceron os primeiros choupís, o ano pasado case non
sairan pero este ano parece que se adiantan |
|
29 de agosto: Pois ademais da subida do combustible, da baixa do
leite, da incerteza de garantía de recollida, agora aparece unha nova peste
no millo. Trátase dun ataque "tardío" de ROSCA, a rosca é un verme
que ten forma de rosquilla e ataca o millo ao pouco de nacer cortándolle a
raíz e ten tratamento. Agora esa mesma rosca ataca cando o millo é grande, os
vermes son máis grandes e cortan as raíces do millo que están máis na
superficie de xeito que cando fai un pouco de aire o millo cae como se pasase
un tornado, non temos maneira de loitar polo de agora contra esta peste,
menos mal que inda non se estendeu moito, pero en fincas cercanas ás nosas xa
foi vista. Nós polo de agora xa nos chega co Xabarín. |
|
25 de agosto: Andamos a facer os alicerces no que será unha ampliación de
instalacións, case se podería chamar un anexo, chámese como queira é para as
becerras E como tivemos uns días de vacacións... a
Marta e o Xosé foron dar unha volta e en Piornedo esta vaca chiscoulles
un ollo, igual era un saúdo para as nosas vacas |
|
20 de agosto: andaba mal unha vaca ... veu
vela o veterinario e dixo que tiña depresión... aínda que non
o pareza, que vive con máis de 200 e nunca anda soa... e está ben coidada...
Así que os que pensan que a depresión non é unha enfermidade... aquí teñen un
exemplo que ata as vacas hai que tratalas de depresión... Quen non debía ter depresión é esta páxina web
dos Parentes que o luns foi a protagonista no pograma Ben falado da
TVG, e ao
informático afeccionado que goberna esta páxina tocoulle falar
ben... |
|
17 de agosto: xa temos tractor novo e hoxe tivemos a comida dos curmáns,
só nos faltou o Sindo que non puido vir: |
|
14 de agosto: pois un vertido
incontralado nunha finca e ... a traballar a cabeza, entón con
algo que viña no vertido (que houbo que recoller) saíu un cartel
avisando de que non tiren máis lixo, e ao mesmo tempo supoño que o que o fixo
recoñecerá o anaco que era parte do vertido |
|
13 de agosto: a xente viaxa... a Tita e o Alfonso van a Noia... a
Pilar á Coruña... a Helena de campamento ... e o Manolo a ver se hoxe
consegue acabar cunhas dores... hai que prepararse que o domingo é a festa
dos curmáns... iremos a Torre Vilariño... que xestionou o Curmán Maior... a
nós non nos vale calquera sitio... somos tan importantes coma calquera... así
de contento está o Xan
de vacacións: |
|
10 de agosto: agora que están de vacacións a Tita e o Xan
teñen tempo a sentar e contar un conto na aira... e tamén a ver o Ben
falado (TVG 10,05) no que tantas veces saíu a Pilar de Baixo ... de non haber cambios nós sairemos no programa do
luns 18 e a señora Pilar no luns 25... |
|
8 de agosto: Rematada a campaña de herba seca toca vacacións, 13
días por persoa, e algún dos que está a traballar tal parece que está de
vacacións xa que vai
en bicicleta. Por outro lado, o Tractor Barreiros marcha para chatarra
por iso do plan Renove, o seu substituto xa está no concerionario, para a
semana chegara Ós Parentes |
|
4 de agosto: facendo bolos atopamos un espantallo,
noso non é, pero como está na estrema tamén "espantará" algo
para nós. O prado cámase Relleiro e está ao lado do río Asma |
|
2 de agosto: empezamos o agosto, o mes das canículas aínda que este
ano non sabemos se virán co do cambio climático... antes si que debían vir...
que había quen dicía cando morría un meniño nestes días: hanche ser as
canículas do agosto... E mentres seguiremos vendo a diario o Ben
falado (TVG, 10,40) , que xa saíu o noso informático un día dicindo unha
frase |
|
30 de xullo. nos prados que ensilamos a herba a uns botámoslles
millo e o resto teñen agora unha segunda corta ... |
|
28 de xullo. A lagartixa
está mirando o tempo a ver se hai ou non cambio climático. Menos mal que
aproveitamos o tempo cando veu a calor a mediados... e metemos toda a herba
seca... que a segunda parte do mes veu ben fresca e algo húmeda para eses
labores ... |
|
22 de xullo. seguimos coa herba... moita hai este ano!!! Hoxe empezou na TVG o Ben Falado ás 10,40, alí
estaba falando o noso amigo don Xesús Ferro. Igual para o mes saímos os
Parentes... |
|
19 de xullo. Estes días andamos a voltas coa herba seca, este ano
moita e boa colleita, sorte para as becerriñas que son as que máis comen da
seca. Por fin temos páxina web do Concello,
benvida!! |
|
13 de xullo. Obras: a verdade é que polo de agora só se fixo o
desmonte, estamos esperando polos albaneis. O que si temos é unha cadela a que inda
non bautizamos pero que entende por "chuchiña" e non
sabemos que facer con ela, regalámola encantados (cun lote de leite
para alimentala), hoxe fixémoslle esta foto para tratar de
promocionala e ver de atoparlle amo. É bonita e parece que está pedindo que
alguén se faga cargo da súa situación. Nós non podemos, ademais se non a
separamos de seu irmán, non conseguiremos ter un verdadeiro gardián (seu
irmán) no Arransallo. |
|
12 de xullo: O 10 foi día do Patrón ( o
Arransallo pertence á parroquia de Lobelle) aparte da ración acostumada houbo
que facerlles unha tarta ás nosas vacas. Nós non puidemos esquecernos de
bendicir os coches como facemos todos os anos |
|
3 de xullo: " chateando coa
marela" Hoxe saudamos a Biocoop, unha cooperativa ourensá que une gandeiría e novas tecnoloxías, ata vai instalar cámaras web para que os clientes poidan ver como vai indo o becerro que algún día acabará no seu prato (hai un xeitoso artigo sobre isto na Nosa Terra, o xornal do que é Conselleiro Delegado o noso veciño chantadino Pucheiro) E entramos na xeira do verán, polo que esta páxina se actualizará a relentín... entre descansos, herbas, algunha praia... etc... as novas serán máis escasas... Saúdos a todos e que o verán sexa tempo de lecer e non de crise nin de separacións e liortas (como esta a dicir agora a TVG que pasa moi a miúdo) |
|
2 de xullo: por que a vaca non é o
símbolo da paz? en vez da pomba? Así pois, hai que cambiar o símbolo da paz e, como dicía
Castelao, poñer a vaca. Dános o seu leite. O seu coiro. O leite e o coiro dos seus
fillos. É o amparo dos pobres. ¿Quen dá máis? E aínda por riba, a parvixola,
sempre mira con ollos calmos e agradecidos, de boa xente. E os habitantes da
India, potencia emerxente, saben co corazón que é un animal sagrado. E en
Occidente, maltratadores case, as facemos tolear dándolle de comer cousas
raras. Nada, nada. En desagravio a tanta afrenta e á longa historia de
colaboración desinteresada coa humanidade a ONU tiña que declarala símbolo
universal da Paz e deixarse de paxaradas. A argumentación non pode ser máis
fácil. Vaia vostede ao medio dunha guerra, alí onde estea a xente ben
amolada. Lugares hai sobros. Darfur, por exemplo. Faga dúas ringleiras cos
esfameados. Regale na A pombas brancas e na B vacas rubias, suízas, caldelás,
cachenas ou Hereford, de carne ou leite, que valen todas. ¿Que lles sería
máis útil para a paz de estómago, ‘sine qua non’ para a paz de espírito?
¿Que preferirían? Pois xa está. (Alfonso
Vázquez Monxardín, E de regalo un dobre arco da vella sobre a peneda
cabezuda: |
|
30 de xuño: daló ao outro día do día
de San Pedro: o Xosé cando viaxa sempre
leva a cámara e así pode retratar bugambíleas coma esta en Bueu |
|
29 de xuño: San Pedro. A Marta e o Xosé puideron facer unha
escapada ata Bueu para cheirar os aires da mar... e ata o Xosé se atreveu a
prognosticar o resultado do Alemania-España co péndulo... acertará...? |
|
25 de xuño: obras empezamos a mover terra para construír unha nave
para as becerras |
|
23 de xuño: hoxe é a noite de San Xoán, a noite máis máxica na nosa terra. -Mañá hai que erguerse para ver nacer o sol... porque baila - Hai que deixar
auga con flores de sabugueiro (e outras herbas) fóra toda a noite e lavarse
antes de saír o sol para curar todas as doenzas da pel. E se a cousa é moi
gorda... arrevorcallarse no orballo dun lameiro sen roupa ningunha... garantida a curación. -Tamén se poden deixar toda a noite as claras de ovo a serenar e pola mañá aparecerán certas figuras... - e moitas cousas máis... (o péndulo esta noite.. anda...
anda...??) |
|
21 de xuño: Pois o aparello que puxemos onte era para introducir
medicamentos ou alimentos especiais na boca das vacas. Iso foi o que lle
explicou o noso presidente á Vitoria en Pontevedra cando a foron visitar el e súa mamá |
|
20 de xuño: Pois este aparello ten unha finalidade concreta na
explotación, pero a simple vista non é fácil de adiviñar |
|
17 de xuño: Case rematada a bota do millo, falta pouco, debido á
choiva non demos rematado o luns, o primeiro que sementamos hai 4 días xa
agrila, pero inda non saíu da terra. Por outro lado, andamos dando a
herbicida que para eso si que está un tempo baril, e xa de paso un saúdo para
o Albertiño que é un dos colaboradores no asunto
da herbicida do millo. |
|
14 de xuño: Andamos apurados coa bota do millo, seica chove o
domingo e queriamos rematar antes de que chova, este ano decidimos sementar o
Euroestar, por ser un ciclo curto e unha marca xa coñecida e experimentada |
|
13 de xuño: Están a
cumprirse os servicios mínimos acordados polos transportistas para os
gandeiros, esta mañá non tivemos que tirar o leite. |
|
12 de xuño: Pois non pode ser
doutro xeito, no ordeño da tarde temos que tirar o leite, supoñemos que antes
das 6.30 non quede arranxado o problema do transporte e nós temos saturada a
nosa capacidade de almacenaxe, resumindo, temos que tirar o leite. Calquera
veciño da zona pode pasar a recoller para o seu consumo, non teremos
inconveniente en agasallalos con todo o leite que poidan consumir. Xa
informaremos de como evoluciona o tema da recollida, mentres a seguir
loitando para saír adiante.... Non se pudo arranxar o problema da recollida , os consecuencias están á vista, leite á fosa de xurro |
|
11 de xuño: Pois eiquí temos o Sr. Presidente supervisando os traballos
de cerrado de silo. Ao fin, moita colleita, un pouco a destempo pero recollida
no seu punto, agora a ultima palabra terá que dala o laboratorio cando se
analice despois de fermentar. |
|
9 de xuño:O tempo axuda, entra herba a barullo,
con un pouco de sorte a ultima hora da tarde rematamos de ensilar,
logo despois inda queda traballo pa perfilar e tapar os silos |
|
8 de xuño: pois hoxe toca recoller |
|
7 de xuño: Rematamos de segar, agora xa pode ver a foto a
Victoria dende a súa casa. Alegrámonos moito da súa recuperación, ANIMO.
Tamén un saúdo para quen a coida con tanto coidado como se fosen ovos. Aos
Parentes quédanos toda a fin de semana de ensila e supoño que luns e martes
tamén |
|
5 de xuño : POR FIN XA ANDAMOS COA
ENSILA..... |
|
28 maio: moitas veces poñemos fotos de plantas que vemos polos
campos e dinos a Marta que tamén ela as ten ben bonitas na casa. E non mente,
velaí está esta amarilis
da súa terraza cunha paisaxe de fondo que pronto se verá alterada por unha
autovía. |
|
27
maio: o cantar do arrieiro é un
cantar moi baixiño, cántase en Ribadavia e resoa no Carballiño. Por iso
nós debiamos cantar moito que temos antepasados arrieiros, de feito Os
Parentes íase chamar Os Arrieiros, pero xa estaba o nome collido. E din os maiores que agora xa non se canta coma antes que a
xente traballaba e cantaba ou asubiaba... canto cantaron o Xan de Baixo e a súa irmá Vicenta!!! Agora
dámoslle máis a poñer a radio no tractor ou no coche e escoitar A GALEGA.
Antes ían coa anxada ou a gadaña ao lombo e cantaban, ... xuntábanse e
cantaban... Será por iso que hoxe di no diario o cantante Amancio Prada:
Nunca se consumiu tanta música nin se cantou tan pouco... a cadea rompeuse
cando os homes deixaron a eixada polos tractores... O tal Amancio dálle
moito xeito a cantar iso do cantar do arrieiro..., como diría
empacestea o noso tío Anxo: que ben canta ise carajo |
|
26
maio: xa tarda o bo tempo, pero
mentres tempo non vén sazón non pasa... polo que imos falar das apóutegas
Os excursionistas buscan apóutegas. Pacere
que segundo eles a auténtica apóutega é a pequeniña, pegada ao chan. Ás
altas, aínda que da mesma familia, chámanlles apóutegas do zorro. Cando
eramos rapaces atopabámolas no monte e chupabamos unha especie de dentes que
teñen na raíz que saben doce, pacecido a leite condensado. A verdade é que
teñen un colorido que chama a atención. As fotos do Xosé poden ilustrar o
asunto: Estas
curiosas plantas florecen agora e son parásitas. Viven debaixo da terra sobre
as raíces doutra planta (xaras...). Pódense ver cuando florecen e sacan as
flores ao exterior para poder ser polinizadas. A das fotos é a Cytinus
hipocistis. |
|
24 maio: a xeración dos fillos dos Parentes vai con forza.
Esta fin de semana o Manuel está en Torre Pacheco (nas
Murcias) competindo na final nacional. A Helena patina que é unha marabilla,
levaron o 3º premio en Riazor. O Paulo fai fotos en Cervo, o galspanglish
debe ser o idioma desta foto da Mariña. |
|
23 maio: ao lado das patacas tamén botamos algún millo,
neste caso Euroestar. |
|
21 maio: onte tocou botar as patacas |
|
20
maio: antes hoxe era san Bernardino Un devanceiro noso era Bernardino (+1938).Tamén
foi crego. Foi o cura de Visuña (Courel), e tamén debía levar o fermoso lugar
de Ferramoulín (a peor parroquia da diocese de Lugo entón). Enfermou e foino
buscar seu irmán José (o noso avó) , a quen lle cobraron dous pesos desde a
Estación de San Clodio polo axudar. Nestas montañas cando lle facían ovos,
untábanllos con graxa por enriba. Conta o seu bisobriño José Glez. Simón que
estando no Seminario deixou os estudos e veuse para a casa. Metéronlle o
fouciño na man e tivo que traballar coas mans encalecidas ata que se
convenceu de voltar para cura. O noso irmán/curmán de Boiro tamén se chama Bernardino,
o outro día estivo comendo a carne ao caldeiro en Castro e fixo estes retratos
da cunca do viño (é un artista!!). Felicidades polo santo! |
|
19 maio: vaca pendente de parir e
que promete dar moito leite |
|
17
maio: Letras Galegas Nós podemos celebrar ben o asunto con esta dedicatoria
que acabamos de recibir do científico
que falaba o outro día da herba seca (moitas grazas polo agasallo) e
seguiremos falando o galego e escribindo en galego... e logo?? |
|
15
maio: hoxe que andamos a pensar
na ensila da herba verde queremos contarlles algo sobre a herba
seca. Seica lle preguntaron a un importante
cientifico (un tal Freeman Dyson, físico) cal fora o invento máis importante
dos últimos 2000 anos. Dixo que a herba seca porque en Grecia e Roma (e
antes) non se coñecía a herba seca (feo) e a civiliazción só podía existir en
climas temperados onde os cabalos podían sobrevivir durante o inverno
pacendo. Sen herba seca no inverno non podía haber cabalos e sen cabalos non
podían existir as cidades, o mundo urbano. Ata que alguén inventou a herba
seca e a civilización puido moverse cara o norte e cruzar os Alpes... e grazas
á herba seca puido formarse Viena, e París, e Barcelona, e Chantada... Quen nolo ía dicir cando andamos no verán a recollela? (isto non o inventamos nós, lémolo nun libro Po de estrelas dun tal
Xurxo Mariño) |
|
11 maio: o bion. Para traballiños os de antes. Conta Francisco Vences
(Pazos, A Limia) o traballo que pasaban co bion na lagoa de
Antela. Seica era un xunco moi alto e abondoso na lagoa. Primeiro os homes
tiñan que mollarse para cortalo coa gadaña e logo sacalo en carros polos
únicos accesos nos que non se enterraban. Unha vez seco servía de esterco
para os eidos. Naquela lagoa na que cando cantaban as ras
non se escoitaba outra cousa ata Portugal... cando se erguían os paxaros
case tapaban o sol... o pior eran os mosquitos que non había
que os sacase de enriba. Este Francisco é un artista, adaptou este aparello
para termar dos toros que mete na cociña: |
|
10 maio: galaguech. Así é como din no Incio, seica, para animar o gando a
que beba (nós dicimos agüíche). E así tamén é como titulan o último
disco os de Xarín, os gaiteiros do Incio. Teremos que mercar
este disco para llo poñer logo ás vacas a ver se beben con xeito. E con xeito
fala coma sempre o Carrabouxo |
|
9 maio: Andamos a mirar para o tempo, queremos empezar a ensilar
pero o tempo non se afirma e as temperaturas son baixas; tempo firme abarata
a ensila e simplifica o proceso de ensilado, ademais as temperaturas altas
fan que a herba de ensilar medre dun día para outro. De todas as maneiras non
perdemos o tempo, andamos a abonar a conciencia para sementar millo,
inda non temos claro cal sementar este ano, depende da SAZÖN, ou
sexa condicionados estamos por data/laboreo/abonado/estado do terreo...etc.
Despois de analizarmos os datos veremos cal das sementes comerciais se adapta
mellor ás nosas pretensións, e como é sabido por todos os que traballamos no
campo dependemos da climatoloxía para criar e recolleitar o que
sementamos , só nos queda rezar para que a campaña sexa boa |
|
6 maio: hai un de nós que sabe preparar uns ricos cafés con leite
(e vaso de auga) |
|
4 maio: hoxe chegou de volta unha embaixada da nosa familia
dirixida pola ma/tía Pilar. Saíron o xoves e pararon en Ponferrada para
degustar unha selección de produtos do Bierzo cos que os agasallaron os nosos
amigos Baudilio(s) e Dorinda. |
|
29 abril: na 1ª o control de reprodución que está a facer a Luísa veterinaria,
visítanos como mínimo unha vez ao mes e sempre ten traballo. Na 2ª os Podólogos que neste
caso están a facer podoloxía preventiva |
|
27 abril: Velaquí un xesta en flor (que non un pidorno) ou
polo menos é o que din estas paseantas O primeiro reto noso xa vai alá algún tempo
foi facermos unha páxina web... o segundo (grazas a dona
Charo) facer a tradución ao inglés... o terceiro termos un dominio,
un nome propio na rede das redes... que é o que acabamos de conseguir... e
para que ninguén se perda xa no Google aparecemos tamén co dominio... Vén hoxe na prensa que unha
familia deste concello de Carballedo prepara unha homenaxe a un centenario e
que xa van tres no ano... Será que aquí hai calidade de vida e unha dieta con
cousas da casa... na nosa familia xa o tío Benigno chegou aos 105 anos alá polos
1975 |
|
25 abril: así andan as cousas... |
|
24 abril: temos novo dominio e sitio web, por fin: osparentes.eu |
|
22
abril: www.osparentes.eu Baixa o prezo do leite e hai protestas en
Lugo. |
|
21
abril: Porque Os Parentes xa
somos unha páxina de certa identidade:
471 arquivos (fotos, texto, datos...) 22 carpetas diferentes 25 mb de espazo miles de ligazóns internas e o que virá... |
|
19 abril:Cando fixemos a foto só
faltaba coser, a verdade é que impresiona máis o afeitado que o corte en si.
Trátase de unha operación de cuajar, o veterinario chámase Armando e a vaca evoluciona
ben, é unha operación relativamente sinxela e que poden surxir un par delas o
ano na nosa explotación. |
|
17 abril: tal vez un dos mellores lugares do múndo para comer a carne
ao caldeiro sexa Castro de Carballedo no día da feira. E as feiras en Castro
son o 17 e o 29. Antes a xente aproveitaba o día da feira para asentar os
fillos no libro de Rexistro. Será casualidade que durante anos os nenos do
concello tendían a nacer nos días anteriores ao 17 e o 29??? |
|
13 abril: xa poden ven en A sociedade
a lista de vacas actualizada |
|
11 abril: esta choiva vén que nin pintada, estes días mentres chove
andamos a ultimar detalles para empezar as obras de ampliación de
instalacións, tamén nos ocupamos do mantemento e posta a punto da maquinaria
para a ensila da herba, que se supón que falta un mes para pórse a ela. |
|
9 abril: parabéns para os da Fonsagrada que foron os primeiros de
todos niso da televisión dixital. Nós por aquí algo imos vendo... parece que
nuns momentos mellor ca noutros... que todo depende do moito vento... a ver
se melloramos de vez... que iso do aire e do vento... xa se sabe... Tamén
antes se nos marchaba a electricidade continuamente, se viña un aire forte,
se nevaba, se... e agora a cousa mellorou... e falando de
... velaquí
o que aparece no último número da revista Retranca.
|
|
6 abril: pois pasa coma na foto, tampouco nós temos nada que contar
que pasase hoxe |
|
4 abril: un dos curmáns envíanos desde Bueu esta mostra de que
alí xa chegou a primavera. |
|
2 abril: andamos a abonar con nitramón 27% a herba que contamos
ensilar a mediados de maio, a herba está en sazón e o tempo axuda. Este labor
non dá moito traballo, faise rápido, pero si supón un gasto importante. Os
abonos subiron moito. |
|
1 de abril 2008. Comezamos unha nova tempa leiteira , 2008-2009. Que a sorte nos acompañe e as vacas dean moito leite e bo... e nolo paguen a xeito... |