Os Parentes Sociedade Cooperativa Galega
Consellos para o cultivo dos nabos
Cando nós eramos nenos, os nabos sementábanse a finais de agosto na terra que fora de patacas e tamén nas nabeiras (nabeiras son os eidos mellores para botar o millo e patacas, leiras os eidos peores para botar o pan) que tiñan millo antes de recollelo e no medio da ferraia (centeo verde), nacían coas primeiras choivas e recollíanse segundo se necesitaban para cebar os porcos, e tamén en caso de necesidade para as vacas; a estas cando estaban paridas cocíaselles un pouco de nabos con fariña.
Alá por Taboada tiñan moito coidado da lúa e a choiva, alá polo San Lourenzo. Alí tiñan sitios chamados da podrea; era un sitio no que só se botaban nabos e tíñase a terra preparada e estercada todo o ano. Desa podrea saían os mellores nabos.
Din os entendidos que o nabo se sementa na lúa chea de agosto, para que non se saian pronto. Ó arrefriar o tempo é cando se saen os nabos. Máis que o mes concreto depende do tempo que veña.
Transplántase os nabos, que soben para arriba. É a nabiña: cando bota a flor e despois bota a semente. Poñíaselles uns paus para facer como un palleiro que a protexese dos paxaros. Dicía un señor de Trasar que ás veces cando había unha muller parida e non se topaba verdura mesmo se lle botaba as pequeniñas nabizas da nabiña.
Recordamos nós que en tempo de nevadas grandes (toradas), íase por nabos para a ceba e tiñamos que sacalos de debaixo da neve. Ós porcos cocíaselles nun pote grande cada dous ou tres días, a carola do nabo un pouco picada.
Non temos moita idea de darlle as nabizas ás vacas, pero supoñemos que ó non ter nada de verde en pleno inverno botaríase man ás nabizas para complementar a herba seca e a palla que eran o alimento básico cando non podían saír ó monte. Con este tipo de alimentación as vacas producían menos leite pero máis rico en graxa, ideal para facer queixo. Na primavera como xa tiñan pastos e ferraia aumentaba a produción e baixaba a calidade do leite.
A nabiza é a rama que bota o nabo, os grelos saen no medio das nabizas antes de saírse (floración) xa pasando o inverno e tirando á primavera. Aquí eran moi apreciadas para o caldo, dise que o mellor caldo é o da nabiza. Hoxe moita xente ao vender fai pasar a nabiza por grelo, colléndoas pequenas a planta enteira. Os grelos tamén saben ben no cocido, con lacón, con chourizos. Non se poden confundir os grelos (do nabo) coas grelas (da col, das verzas que se saen) ou chirumias.
Coas carolas facíanse carrelos para xogar os rapaces nas noitiñas en que no inverno non había que facer.
Tamén se di que os que sobran fan grande esterco e para ben ten que estar xa o nabo na flor, que xa se pasase o grelo. Antes había xente que collía a flor e cando secaba vendíana nas feiras para semente.
Da colza por aquí non temos noticias, nunca a sementamos que se saiba.
“ a maior potencia nabal está en Lugo”
-Dise que nabo, nabiza y grelo, tres personas distintas y un solo dios verdadero. (Pilar Guerra)
-Do nabo sae a nabiza,
da nabiza sae o grelo.
Nabo, nabiza e mais grelo
Trindade do galego.
Son tres persoas distintas,
un só Dios verdadeiro.
-Agosto nubrado, nabo furado, tamén se di.
Ollo que a semente do nabo e a da col son case iguais e moitas veces se teñen confundido se non se marcan.
Tamén nos acorda que antes se vía xente maior co papo moi grande e disque era o bocio e que comer demasiadas nabizas que non axuda a mellorar. Pero nós non somos médicos, nin tampouco veterinarios. Só somos xente do campo.
Campo de nabizas (nabos):
Campo de grelos (nabos):
Nabo pequeno
Campo de nabos xa con nabiña