Os Parentes Sociedade Cooperativa Galega


A Peneda Cabezuda de Carballedo

Peneda Cabezuda

A Peneda Cabezuda está no Monte da Serra, na estrema entre as parroquias de Milleirós e Pradeda (Carballedo), Pereira e Vilaúxe (Chantada); non é monte común, son eidos particulares onde antes os nenos gardaban as vacas, como lembra moi ben o Paco do Guerra: "xuntabámonos os do Barrio de Puga, Xedive, Peago... deixabámolas pacendo e  non mirabamos para elas ata a hora de levalas".

Peneda Cabezuda

O nome de “Peneda Cabezuda” débese a que se pode enxergar o perfil dunha cabeza humana (muller?) deitada boca arriba, se se mira desde determinadas posicións. Á Pilariña do Guerra contáballe a súa avoa que hai moito tempo viña unha moura fiando na roca, pousou o vulto que traía na cabeza (a parte da peneda máis alta), deitouse a descansar e alí quedou petrificada.

Peneda Cabezuda

Na Wikipedia en galego dise que na década de 1940 os soldados poñían a bandeira de España nos sitios altos ou importantes, e a Peneda Cabezuda era un deles. En Galicia Encantada recóllese que alí estiveron os mouros, andaban por debaixo da terra, deixaron as marcas nas penedas e chamábanse Zacocho, Tucho e Cachote. E tamén se podía atopar ouro se se ía con pata de cabra ou roda de carro.

Peneda Cabezuda

A carón dese penedo está a Pedra da Marrá, unha peneda cortada na que se pode meter unha persoa polo medio dela, cousa que lles daba moito xogo aos cativos que gardaban o gando.

Peneda Cabezuda

Moi próximas están tamén a Pena da Casa e a Pena da Barca.

Outro valor engadido destas penedas son os petróglifos, descubertos por Roi Fernández, catalogados por Begoña González e dados a coñecer por Televinte Chantada: coviñas, cazoletas, elipses.

Peneda Cabezuda

Ademais, desde estas penedas vese moita larganza cara ás terras de Chantada, Lemos e Ourense, por iso figura como miradoiro na web do Concello de Carballedo.

Peneda Cabezuda

E tamén pode ser lugar axeitado para levar grupos de escolares; relatarlles o mito da “moura” galega, algo que os investigadores Rafael Quintía e Buenaventura Aparicio consideran que debía ser obrigatorio nas escolas, porque así é como entendían o mundo os nosos devanceiros. Tamén se pode aproveitar para falarlles das lendas dos mouros relacionadas coa procura do ouro, mostrarlles e explicarlles os petróglifos e darlles unha lección de paisaxe e xeografía galega. Todo isto tamén pode ser de interese para os moitos turistas que visitan a Ribeira Sacra.

Peneda Cabezuda

A Peneda Cabezuda (Ver en maps) ten unha grande potencialidade mais cómpre facela visible, sinalizala na N-540, mellorar os accesos, poñer un banco contemplativo, imprimir folletos informativos e crear un sitio web.

Peneda Cabezuda

Xa quixeran moitas contornas ter unha peneda coma a nosa para presumir. Os Parentes cando andamos nas faenas agrícolas sempre miramos con respecto a Peneda Cabezuda para que nos protexa de pestes e desgrazas, Ela é un valor engadido para o leite das nosas vacas.

Os Parentes SCG

Para visitar a Peneda Cabezuda poden aproveitar un día 17 ou 29 (feira en Castro de Carballedo, coa famosa carne ao caldeiro), un 13 (feira na Barrela), un 5 ou 21 (feira en Chantada) para degustar o polbo e mercar produtos do lugar.

Carne ao caldeiro

Para tomar algo en Carballedo: ACUARIO (na Barrela, 982 466 082) - BERRELLO (na Barrela, 982 466 184, restuarante) - CALVIÑO (na Estivada, 982 466 287) - ELMA (en Castro, 982 466 233, restaurante) - OS ROXOS (na Tolda, 680190428) - O XUGO (na Granxa, 988 200 000) - O RIBEIRO (en Castro, 982 466 351) - RÍO BÚBAL (na Barrela 982 466 428, restaurante e hotel) - LUSCO E FUSCO (na Barrela, 982102051).

A Barrela

Para tomar algo en Chantada, o Concello recomenda.

E poden aproveitar tamén para ver as recomendacións do Concello de Carballedo, terra de árbores senlleiras, coma este Carballo do Mestre no Barrio de Puga:

Carballo do Mestre


Os Parentes Sociedade Cooperativa Galega