Os Parentes Sociedade Cooperativa Galega
PEQUENA GUÍA PARA CRIAR PORCOS (consellos de Os Parentes SCG)
1.- Nacementos.
Basicamente, unha porca primeiriza sáese ou anda ao castizo (macho semental) cando ten 7 ou 8 meses, insemínase tendo en conta uns cantos parámetros (a idade, o número de tetas -14 ou 16-, a caste de marráns que se queren ver nados –raza, cor da pel, etc.-. Anotase a data da inseminación, que é moi importante, xa que no caso de quedar preñada, temos que contar a partir da data de inseminación 3 meses, tres semanas e tres días, e xa temos a data de parto. O parto é sinxelo xeralmente, nacen nun espazo de 2 ou 3 horas, en placentas individuais e de 6 a 14 por parto. |
2.- Coidados.
Os leitóns, unha vez nados, temos que ver que todos teñan teta porque se nacen máis que tetas ten a nai, temos que retiralos e crialos ao cachelo -dándolles o alimento cunha mamadeira e unha botella manualmente- ou pasarllos a outra nai que parira nos mesmos días.
Xusto despois do parto cortámoslles a punta dos dentes para que non mordan a nai ao mamaren. Xa de paso pómoslles 1cc de ferro por animal. Tamén se lles corta a punta do rabo para que logo non se mordan: córtanse as 3 últimas falanxes por ser insensibles, propiciando así que non se mordan entre eles, feito que provoca infeccións que se transmiten a todo o corpo a través da médula.
Nos primeiros días aliméntanse do leite da nai e pónselles a axuda dunha fonte de calor (infravermellos).
Con cerca dos dous meses de vida cápanse os machos –os machos se non se castran logo non se come a carne- e logo á semana “destétanse” e pasan a comer sólidos penso regularmente. Acostumamos pór no “cortello” algo no que poidan morder, unha roda , unha cadea colgada, etc.
Aos tres meses, cando xa empezan a comer ademais de penso, verzas, patacas, remolacha, etc. xa os consideramos como fruxe –os marráns que se cebarán para a matanza- e xa se pode entender que son autónomos, entón véndense ou regálanse -así lle chamamos a vendelos baratos- |
3.- A venda.
O de vendelos é unha arte que se aprende nas feiras, e nunca se ten aprendido de todo, cada feira é distinta, e cada niñada tamén. Logo está o tempo -se fai malo vai menos xente comprar-, e data -se falta moito ou pouco para matar, a oferta e a demanda -se son moitos ou poucos os que se venden ese día-, a sorte -moitos marraeiros ou particulares pasan e non teñen a sorte de atopar cos teus e mercan outros mais ruíns e máis caros. Nas feiras inda queda algo de gardalos -pórse ao lado e impedir que outros accedan a mercarche para así levalos o gardador mais baratos-, o regateo ou relear, e o de partir -alguén alleo ao trato que se presta a mediar para partir a diferenza e así chegar a acordo no prezo.
Un bo vendedor sempre deixa ao comprador convencido de que o que merca é o mellor e o máis barato do mercado. Para iso ten que explicarlle todas as virtudes da mercancía, pórlle exemplos e darlle detalles de vendas anteriores e para ben que foran feitas a xente coñecida de vendedor e mercador.
4.- Mover os porcos.-
O manexo dos animais ten os seus segredos. Cando se queren cambiar de sitio axudámonos dun saco de papel a modo de barreira, eles respéctana como tal. Se temos que subilos a algún medio de trasporte, bótaselles unha man a unha orella e outra ao rabo. Se o animal é grande pomos unha rampla e logo metémoslle un cesto negro na cabeza e eles van marcha atrás a onde sexa sen ter que loitar con eles nin facer forza. Cando viaxan sempre se deixan sen comer unhas 12 horas. Cando se meten nun sitio novo, móllase a parte onde queremos que caguen e mexen, así deixan un sitio limpo e seco para comeren. Se onde se ceban están as paredes de pedra e sen encintar temos que ferralos –anelalos no fociño- senón de tanto fozar desfán as paredes. A ferra pónselles na punta do fociño e impide que focen pola molestia que causa xa que o fociño e unha parte moi sensible e tamén onde mais forza teñen.
É curioso como cando os poñemos nalgún lugar do que queremos que non saian, só temos que metelos de cu e deixalos coa cabeza no límite do cerre, así xa non saen. Por outro lado temos que anotar que tamén teñen certas habilidades para saír dun sitio pechado, ao asustalos amontóanse e soben uns encima de outros facendo escaleira, e unha vez sae o primeiro despois saen todos sen importar o xeito de facelo.
4. Engorde.
A fruxe vai medrando e despois do verán pasa a ser ceba. Á ceba dáselle moito de comer e limitáselle o exercicio para que engorde. Polo Nadal mátanse e logo antes de que arrefríe a corte métese outra fruxe para que non deixemos de ter quen coma as lavaduras da casa. Di a Pilar de Baixo que na ceba hai que empezar cunha caldeira (ben de comer) e rematar cunha taza (xa cebados comen pouco)
Di o refran “en que pensas porco -nas lavaduras”
Claro que por esta zona só entenden por QUIN!, CAHX!, CHO!
Con todos estes apuntes e consellos calquera pode criar porcos.
Por aquí os nomes que lles damos son: porco/porca, marrau/marrá, marranquiño, marranquiña, quino/quina. Seica noutros sitios tamén lles din: rancho/rancha, reco/reca, requiño!a, cocho/cocha
Reportaxe gráfica da matanza de 2006: |